06 noviembre 2013

Cuestións (16) / Encontrarse en París

Estancado, en pleno proceso de deconstrución personal, esfociño contra un diálogo aparentemente inocente entre William Holden e Audrey Hepburn*. Moi oportuno. Están a maquinar un guión e chegan a conclusión de que todo proceso de creación ten que ver con Frankenstein.

Todos somos o bo de Viktor, e aí andamos, a xuntar pezas (algunhas delas fermosas, outras en avanzado estado de descomposición), cosendo, grampando, electrocutando, procurando que ese enxendro se pareza (polo menos) a algo de aspecto humanoide.

Cae a noite e un raio fende o ceo. Percorre o cable eléctrico, penetra nos electrodos e "esa cousa", tombada na mesa de operacións, convértese no epicentro dun terremoto de espasmos (fume artificial e luz parpadeante mediante -se fose necesario crear un ambiente máis irreal e opresivo-).

Extenuados, apurámonos a tapar... "iso"... cunha saba. Temos medo do resultado, porque sabemos que soamente hai dúas opcións: que namoremos del ou que teñamos que despezalo novamente.

Cando é unha proposta artística, a deconstrución doe... pero pouco (e cura pronto). Cando o que estamos a desmantelar é un propio... A saba pode ficar aí, enriba nosa, durante semanas e semanas. ¿Certo ou non certo?

_____________
* "Paris, When It Sizzles" (Encuentro en París) comedia romántica de Richard Quine (1964)

21 septiembre 2013

Trampoline - Motivations

Trampoline, co seu Motivations, achéganos unha proposta atmosférica e inspiradora, no sentido menos relambido da palabra. Gústame a música que transporta a quen a escoita a outros lugares/tempos, que axuda a que voe a imaxinación. E iso precisamente é o que pasa con Trampoline.

Neste traballo case todo suma. De feito son moitos os ELEMENTOS A FAVOR:
  • As letras, xa que as envolventes melodías van acompañadas dun potente discurso con acenos poéticos.
  • Os seus tres compoñentes redondean definitivamente este proxecto: o virtuosismo de Marcos Rivera coas guitarras, banjo e facendo as segundas voces; a voz de David Tizón, cunha tesitura e interpretación que axudan a acadar esa atmósfera da que falaba; a incorporación de Iago Fernández, que co seu traballo na percusión convértese nunha das melloras máis salientables con respecto ao EP "Fog".
  • En si mesmo, Motivations é un disco que aguanta unha escoita "aleatoria" porque non ten un solo tema de "recheo".
  • A proxección do grupo é prometedora. Un claro exemplo foi o tema propio, inédito, que compartiron cos que nos achegamos ao seu concerto na Banda do Rio. Unha pequena mostra do contundente material que está por vir (cando aínda andaban cos menesteres de presentar este disco).
Os seus HANDICAPS poderían ser:
  • Co pulo que está acadando ultimamente a música "indie" e sendo da nosa terra poderiamos caer na tentación de pensar que "deben ser un grupo máis facendo música alternativa", cando a realidade é ben distinta e a personalidade de Trampoline faise evidente en cada tema.
  • O uso do inglés nas súas letras poderíase converter nunha barreira no directo, xa que o suposto "nivel medio" do que goza este país está moi lonxe da realidade. Axudarían a salvar este "obstáculo" breves presentacións dos temas.
  • Que da súa música en directo, por ser íntima e personal, trascenda unha errónea idea de "elitismo" e pareza quedar reservada para o disfrute dos seus tres membros. A aportación de David neste campo é vital, porque a complicidade co público é necesaria. De feito a min este grupazo gañoume completamente no seu concerto acústico ao pé da Praia de Lagos. E aquí me teñen aínda, entregado á súa causa.
E para que se vexa que non vendo fume, aquí tedes o seu traballo:

30 mayo 2013

Fe de Erros (15) / Ostia

"Ostia". Buscando información na hemeroteca dixital para un proxecto no que estou a traballar, atópome con que ABC publicitaba esta película a toda páxina (na 8 concretamente) en 1977. Sinto medo en Technicolor e Techniscope. Vivimos nun salto cara atrás no tempo. Somos as partículas rebobinadas que fuxen do futuro e achéganse a un burato negro que as papará e as volverá a cuspir en calquera outra dirección.


17 mayo 2013

A enfermidade do creador / Follas Vellas (1)


Onte falei por teléfono con Abi. Reconfórtame conversar con ela. Xuntos soñamos durante horas (case sempre son horas) proxectos teatrais con monicreques de dedos ou con frascos de pastillas, bañeiras e secadores de pelo. Tamén soemos deixar tempo de ensoñación aos duetos, á crítica e á análise da propia forma musical.

Todo é tan intensamente terapéutico que finalmente se produce o efecto rebote. Esa necesidade que sempre me empurrou a garabatear nun papel ou a fedellar cunha cámara, sacia o seu apetito co placebo das palabras faladas, e adormece así entre as imaxes das paisaxes oníricas que entre os dous creamos.

Sinto que debo loitar, unha vez máis, contra a insistencia do tempo de me transformar nun Ideólogo. Un ser centrado en parir ideas e non levar a termo ningunha delas. Sobre todo porque xa sei como remata o conto.

Nas fases terminais da enfermidade, o Ideólogo dexenera nun estadío de Xestador Tántrico. As ideas (aínda uterinas) serán de cada vez máis ténues, ou tan luminosas como fugaces (que para o caso incluso é peor). Enquistaránse moi fondo, amoreándose sen orde, devorándose unhas a outras. Un banquete aberrante ao que soamente asistirei como mordomo, presente no momento de abrir a comporta e ofrecerlles unha nova vítima. Aí vos vai! Un sacrificio no que, finalmente, nin tan sequera terei ningún tipo de voluntariedade.

Hoxe, celebrando o Día das Letras Galegas, e para que non morra pasto doutras ideas, comparto unha que xestei hai unha chea de anos. Moi importante para mín no seu momento. Despois de ler a Beckett, decidín crear o meu propio Fin de partida. Era este:

11 abril 2013

Cuestións (15) / Activismo pasivo

Se este activismo noso nas redes fose efectivo, permitiríao a clase política? Podemos dicir o que pensamos porque en realidade non cambiamos nada e non molestamos a ninguén.

17 marzo 2013

Motín


A besta desafía coa mirada triste
a inxenua fraxilidade do espello.
A farsa de non chegar a ser [querendo]
malia que os ollos semellen os teus.
O xogo de axexar nos plans pasados?
Un acto de rebeldía.
Un motín involuntario que se paga coa vida.
É por iso [e por máis nada]
que aínda querendo morrer, vivas.

08 febrero 2013

Aurora

Xénero: Dramedia
Duración: 15 minutos
Formato orixinal de gravación: DV PAL
Ano Gravación: 2008
Ano Produción: 2011
Reparto: Xúlio Abonjo, Mª Ángeles Prieto,
Camila Bossa, Antonio Mourelos, Abi Buceta
Banda Sonora Original: Rodrigo Guerrero.

AURORA

Pido desculpas ao audiovisual galego por sentirme orgulloso deste fillo imperfecto, tan cargado na súa orixe de boas intencións.