17 octubre 2004

Perfil de Manuel Macou

Para definir a Manuel Macou como se realmente non fose eu mesmo, decídome por unha listaxe cronolóxica de acontecementos relevantes na miña vida. Polo tanto, compréndase que en realidade son acontecementos de relevancia relativamente irrelevante para aquel incauto que decida mergullarse neste perfil. 

Nacín en Bueu con medio agosto de 1977 xa usado (un xoves, concretamente). Meus pais celébrano sen ter chegado a un acordo co raio do nome. Cada familia tira para un lado (que se ten que se chamar como o avó materno, que se ten que levar o nome do pai) e ninguén pensa en min. Nin tan sequera eu penso en min, que con tan poucos días de experiencia neste mundo, aínda non tomei conciencia de min mesmo. Bastante teño con facerme escoitar cada vez que me entra a fame. Nun xiro inesperado de boa sorte que á postre me acompañará toda a vida, líbrome no último momento de ser chamado Manuel Servilio. Lacra que tivese arruinado as miñas pretensións de ser o rapaz máis popular en primaria e tivese acabado por me converter, a golpe de Rexistro Civil, nun friki sen remisión.

Así pois, como Manuel Buceta, curso a xa defenestrada Educación Xeral Básica (E.X.B.) no Colexio Público "A Pedra" de Bueu, onde acabo converténdome, a golpe de méritos propios, nun friki sen remisión. Por aquel entón gusto de escribir, gañando incluso algún premio de narrativa; gusto do teatro (prometo non subir o vídeo ese das maias vermellas facendo de "W" en "Hai festa en ABC"); pero sobre todo, onde destaco realmente, é falando na clase, gañando incluso varios castigos máis que merecidos e odiosas comparacións coa miña irmá maior.

Estas primeiras vivencias escolares supéroas con bastante gloria (no que a notas se refire). Teño a sorte de caer nas mans de Arturo Sánchez, que ademáis de ter unha páxina sobre Bueu que paga a pena ser visitada (tedes o vencello aí, á vosa dereita), convértese no mestre, amigo e referente para min. A súa filosofía de "non amaestrar aos rapaces, axudalos a pensar" fíxome aceptar o meu rol no mundo, que non é outro que o de buscar o meu maldito rol no mundo en cada traballo que emprenda. Xa vos contarei os avances a este respecto.

En Cuarteto para unha noite de verán xunto a Elia
E a todo isto, vou un día polo Instituto Johan Carballeira de Bueu e irrumpe na miña vida a pubertade. Xa sabedes, o engorro de se rodear de rapazas con peitos fabulosos que xamáis catarei; o grupo teatral "Comediantes Anónimos" (co que estreamos "Ácido acetil salicílico" para acabar conquerindo o papel protagonista en "Os cravos de prata"); coral "QuodLibet" (onde canto afinado e acoplado na corda de tenores); tamén o xornal escolar "O Enxebre", co que empezo a utilizar o seudónimo de Manuel Macou e que tantos folgos me deu para seguir escribindo (aínda que quede raro dicilo: quérote Macou!); o equipo de normalización lingüística, que sementou en min este inconformismo con respecto ao trato que se lle da ao galego; e despois está o incómodo tema das rapazas de peitos descomunais (ah, pero xa o dixen?).

Cando abandono a pubertade, líbrome de paso das roupas de cores fosforitas, os acid house e aquelas ombreiras que xamáis deberon inventarse. En definitiva, son quen de deixar atrás toda pegada dos oitenta. É entón cando curso os meus estudos na Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra e dirixo (sen deixar de lado a interpretación) o grupo teatral "Teatro Scaenae" (novembro de 1998), coa que estreamos un ano despois "Cuarteto para unha noite de verán" de Miguel Anxo Fernán-Vello. As calurosas críticas da prensa (se cadra o exceso de calor) disolven o grupo teatral como tal, sen chegar a converter en cinzas o cariño que teño a Elia e Carmela (co-protagonistas da obra xunto a María).

En Aurora, xunto a Encarna Alonso
En 1999 aventurámonos con Teatro Scaenae como produtora. Ou o que ven sendo o mesmo: gastamos os nosos cartos sen subvencións de ningún tipo (modus operandi que acaba por se afianzar como parte da nosa pegada personal).

Arrancamos deste xeito coa primeira curta: "Exitus". Con guión propio e co-dirixida xunto a Vanesa Amoedo, "Exitus" é un thriller psicolóxico que conta no seu reparto con Fer Patiño, Sara Varela e Evencio Álvarez. CURIOSIDADES: Cando dispoño dos medios e coñecementos técnicos necesarios, remonto a curtametraxe para re-estreala na súa versión definitiva en 2007. Exitus, pese a non ter sido presentada a certame algún é, de tódalas curtas que fixen, a máis solicitada para a súa proxección.

A finais de 1999, despois de ano e medio extraendo sangue, aplicando apósitos, levando o corazón nun puño nunha ambulancia e loitando contra a enfermidade allea dos ingresados no Complexo Hospitalario Provincial-Montecelo, son eu mesmo o que ingreso, neste caso, na Escola de Imaxe e Son (EIS) de A Coruña para cursar o módulo de Realización e Espectáculos.

En 2002, antes de acabar o primeiro ano, incluso antes de acabar o primeiro trimestre, escribo e dirixo "Sublimación (todo o que sube baixa -e viceversa-)" unha curta delirante e cíclica con Luis Zahera como protagonista e a produción da propia EIS detrás. CURIOSIDADES: Esta obra, ao igual que sucedera con "Exitus", está en proceso de remontaxe e remestura de son. Ten sen dúbida o inicio máis imactante dos que chegarei a gravar, grazas aos efectos dixitais de Martin DeSoto. Un amigo e habitual escravo nos nosos proxectos.

En 2003 estreamos a nosa terceira curta con Teatro Scaenae (novamente con guión propio e eu mesmo aos mandos da Enterprise), "Nai que non fuches", un drama con acenos poéticos e coa emocionante interpretación de Luis Iglesia e Sara Varela. CURIOSIDADES: Con "Nai que non fuches" cumprín o obxectivo de contar en doce minutos o que pasa (en segundos) pola cabeza dun home que se recosta. A primeira parte foi gravada nas praias de Beluso, semanas antes de seren tinxidas co ouro negro do Prestige (que finalmente nin se evaporou nin se solidificou -como dicían-).

Gravación de Aurora (Fotos de Pablo Carballeira)

Ao sairen da EIS empezo a desenvolverme como montador. Participo, a través das produtoras Aldea Films, Filmanova, Continental Televisión, Ficción Produccións e Zenit Televisión, en diversos proxectos para televisión e cine: "A Casa de 1907", un docusoap para a TVG na que os participantes debían vivir como antano; "A Caixa Negra", unha serie documental (adaptación do exitoso formato vasco co mesmo nome), posiblemente a mellor serie documental de produción propia emitida ata a data na TVG; "Fútbol de Alterne", a terceira longametraxe de Alber Ponte (sobre unha idea orixinal de Antón Reixa); "A Casa da Luz", segunda longametraxe de Carlos Amil (aquí como axudante de montaxe de Juan Carlos Arroyo -montador de "La noche que dejó de llover" "El Portero" ou "El hombre de arena"); "Gran Cambio", docusoap, tamén para a TVG, na que os protagonistas deben perder peso para gañar o concurso; "Casamos" que contaba os avatares da preparación das vodas; "Escoba!" a galecom dirixida por Mariana Carballal e realizada por Alex Sampayo"CoraSons" a longametraxe documental musical dirixida por Paco Abelleira e presentada na  XXVI Edición de Cineuropa; a longametraxe de ficción "Schimbare" (aquí como Script) dirxida por Alex Sampayo e protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

Diante do monitor durante a rodaxe de Schimbare
Para contrarrestar a seriedade no traballo, xogo nas ondas radiofónicas on-line con "Las ladillas de MulDR", unha hora semanal de radio en directo con bandas sonoras, cancións de tódolos tempos e algo de humor propio (da man de Pena e Gloria -as dúas ladillas protagonistas-):

Programa: Las ladillas de MulDR 
Sección: Pensamientos para Ladillas * Capítulo 3: Sonrisas y Balas
Sinopse: Pena e Gloria reciben a visita inesperada das súas curmás: María e Jules.

En 2007 gravamos, sempre con Teatro Scaenae e guión propio"Cafés de Papel", unha curta experimental con fondo social, coa que participamos en Curtas na Rede, gañando os premios de Mellor Curtametraxe de Inmigración e Mellor Actriz Principal (Maguette Niang). CURIOSIDADES: Sen entrar a concurso, "Cafés de papel" proxectouse no Festival de Cans nunha das salas alternativas.

A finais de 2008 saqueo parte dos aforros á miña muller e activamos, a través de Teatro Scaenae, a curtametraxe "Aurora", o proxecto máis persoal ata o momento. CURIOSIDADES: Partindo das experiencias vividas na casa coa miña bisavoa, fíase o guión dunha comedia dramática coa que se pretende destacar o valor dos nosos maiores. Non só porque pertencen ao noso pasado, se non porque axudan a que forxemos un futuro mellor. Neste proxecto contamos con Xúlio Abonjo, Mª Ángeles Prieto e as colaboracións especiais de Camila Bossa, Antonio Mourelos e Abi Buceta. Por problemas técnicos non pode ser estreada ata 2011 e, polo momento, foi seleccionada como finalista nos certames de Angelika Cinema Lounge de Madrid e o certame galego de curtametraxes por excelencia, o IX Festival de Cans.

Actualmente continúo a traballar como montador (todo o que a crise económica me permite) e colaborando en canta curtamentraxe podo, pois é un formato que adoro.

Temos en preprodución un guión de longametraxe baseado nunha excelente novela de J.J.M. Veiga.

E con todo e sen queixarme, podo asegurar: o bo está por chegar...

No hay comentarios: