28 septiembre 2008

Aurora: Deuses e Monstros

Deseño de Martin DeSoto

Con Aurora buscabamos un paso adiante. E se cadra démolo. Pero toda evolución ten o seu prezo. E no caso de Aurora o custe non é pequeno. Durante toda a fin de semana pasada lembreime do monolito de 2001: unha odisea espacial.

Nunha rodaxe chea de atrancos sentinme en algúns momentos perdido (non estou moi habituado a improvisar) pero por sorte contei cun reparto que sumou todo o rato e aportou a sua experiencia para suplir algunhas das nosas carencias e aguanta-lo trebón nos momentos difíciles.

Tiven, estes días pasados, ocasión de visionar o gravado e o certo é que ao principio non acadaba a entender como puido ser unha rodaxe tan dura. O aspecto das imaxes é formidable e os actores están a uns niveis de realidade que vos emocionarán e que a min énchenme de orgullo.

Aprendimos moito dos acertos e (sobre todo) dos erros. Nese sentido e moi ao meu pesar, teño que destaca-la lección de profesionalidade que nos deu a todos Xosé Manuel Olveira "Pico" e que deixou ao descuberto que a pesares da nosa aposta polo xiro cara o profesional (se cadra incluso na boa dirección), seguimos sendo uns novatos. As miñas máis sinceras desculpas, amigo.

Agora quédanos confirmar coa montaxe que temos unha boa película e armar todo cun bo son e banda sonora. Como dixo un amigo ao que lle confesaba o día antes da rodaxe que o cámara era os meus ollos e polo tanto unha peza fundamental para conta-la nosa historia: "Coida ben da vista, mais non descoide-lo oído." Seguiremo-lo seu consello.

07 septiembre 2008

P e A: PA

As miñas máis sinceiras desculpas pola longa ausencia no blog. Pero está máis que xustificada. Estamos a dúas semanas da rodaxe de Aurora e non teño tempo nin para facer balance. Agora mesmo estamos nese punto da espiral onde hai que agarrarse forte para non saír voando.

Así a todo sería moi mal pai se o día máis importante do ano non fago un alto na vertixinosa carreira cara a gravación para dicir que a miña pequecha aprendeu a dicir: Pa-pa.

E para ela vai esta entrada (e se todo sae ben a curta tamén). Quérote Aldara.