25 septiembre 2014

Aquela lei non escrita


Veño de ver este vídeo (graciñas Rosana) e deume en pensar que a autoestima é unha necesidade básica. Hai quen a alimenta a base de cartos e quen a edifica no mesmo centro dunha paisaxe inventada. Sobra dicir que ambas fórmulas son lícitas (xunto a ese millón de fórmulas que quedan aquí sen citar).

O realmente inxusto é saber que a túa elección está en ocasións en mans de alguén incapacitado para ver que esas necesidades que ti tes son tan valiosas coma as súas. Alguén que di defender "o ben xeral da sociedade" malia que nela non reserve un espazo que ti poidas ocupar e no que poidas medrar.

Dígoo, claro, dende o punto de vista dunha persoa non influínte. Alguén que intentou facer a súa parte con suma perfección (non é esa a definición de artista?) e que, ao cabo, consegiu facelo soamente "o mellor  que lle foi posible".

E non, non me estou a queixar. Ao longo de dez anos (xa case once) tiven a ocasión de aprender duns cantos profesionais excepcionais e tamén, claro, dalgúns poucos miserentos. 

Vinme en todo tipo de situacións. Con cada unha das miñas decisións procurei botar abaixo aquela lei non escrita que reza: "Para triunfar [con independencia do campo] hai que ser un poco cabrón" e hei de dicir que aínda non conseguín situarme nunha posición cómoda ao respecto.

Agora vou empezar a impartir clases e a responsabilidade de formar a outras persoas é asoballante. Agardo que este rato xunto a eles nas aulas sírvalles para aprender habilidades e que estas lles axuden a seguir sen medos o seu propio camiño. Eu sigo gozando cada día do meu. E non será porque mo poñan doado (máis ben porque é para min unha necesidade básica seguilo, ademáis dunha cuestión de autoestima).

2 comentarios:

Crunia dijo...

Estamos a vivir nun mundo materialista e supoño que por iso é mais doado alimentar os petos que o noso interior. Sen contar que todo o que os artistas fan/facedes é o que nos fai soportable (na maioria dos casos) a "infelicidade" que supón vivir para traballar.....Un tema interesante e que daría para falar moito.
Bicos mil!

Manuel Macou dijo...

Gracias por comentar. En realidade é tan doado encher os petos como o interior. Esta é máis ben unha cuestión de prioridades. Pero as prioridades non as debería marcar alguén alleo a nós (moito menos un goberno). As prioridades deberían ser establecidas por cada persoa en función da súa vida e as súas inquedanzas (físicas, espirituais e sociais).

Resumindo, a cousa está en buscar solucións "orixinais" a problemas "xerais" (deixar de dicir "crise" e moverse na dirección que un queira). E nesas ando eu tamén.

Bicos!