06 noviembre 2013

Cuestións (16) / Encontrarse en París

Estancado, en pleno proceso de deconstrución personal, esfociño contra un diálogo aparentemente inocente entre William Holden e Audrey Hepburn*. Moi oportuno. Están a maquinar un guión e chegan a conclusión de que todo proceso de creación ten que ver con Frankenstein.

Todos somos o bo de Viktor, e aí andamos, a xuntar pezas (algunhas delas fermosas, outras en avanzado estado de descomposición), cosendo, grampando, electrocutando, procurando que ese enxendro se pareza (polo menos) a algo de aspecto humanoide.

Cae a noite e un raio fende o ceo. Percorre o cable eléctrico, penetra nos electrodos e "esa cousa", tombada na mesa de operacións, convértese no epicentro dun terremoto de espasmos (fume artificial e luz parpadeante mediante -se fose necesario crear un ambiente máis irreal e opresivo-).

Extenuados, apurámonos a tapar... "iso"... cunha saba. Temos medo do resultado, porque sabemos que soamente hai dúas opcións: que namoremos del ou que teñamos que despezalo novamente.

Cando é unha proposta artística, a deconstrución doe... pero pouco (e cura pronto). Cando o que estamos a desmantelar é un propio... A saba pode ficar aí, enriba nosa, durante semanas e semanas. ¿Certo ou non certo?

_____________
* "Paris, When It Sizzles" (Encuentro en París) comedia romántica de Richard Quine (1964)