21 septiembre 2013

Trampoline - Motivations

Trampoline, co seu Motivations, achéganos unha proposta atmosférica e inspiradora, no sentido menos relambido da palabra. Gústame a música que transporta a quen a escoita a outros lugares/tempos, que axuda a que voe a imaxinación. E iso precisamente é o que pasa con Trampoline.

Neste traballo case todo suma. De feito son moitos os ELEMENTOS A FAVOR:
  • As letras, xa que as envolventes melodías van acompañadas dun potente discurso con acenos poéticos.
  • Os seus tres compoñentes redondean definitivamente este proxecto: o virtuosismo de Marcos Rivera coas guitarras, banjo e facendo as segundas voces; a voz de David Tizón, cunha tesitura e interpretación que axudan a acadar esa atmósfera da que falaba; a incorporación de Iago Fernández, que co seu traballo na percusión convértese nunha das melloras máis salientables con respecto ao EP "Fog".
  • En si mesmo, Motivations é un disco que aguanta unha escoita "aleatoria" porque non ten un solo tema de "recheo".
  • A proxección do grupo é prometedora. Un claro exemplo foi o tema propio, inédito, que compartiron cos que nos achegamos ao seu concerto na Banda do Rio. Unha pequena mostra do contundente material que está por vir (cando aínda andaban cos menesteres de presentar este disco).
Os seus HANDICAPS poderían ser:
  • Co pulo que está acadando ultimamente a música "indie" e sendo da nosa terra poderiamos caer na tentación de pensar que "deben ser un grupo máis facendo música alternativa", cando a realidade é ben distinta e a personalidade de Trampoline faise evidente en cada tema.
  • O uso do inglés nas súas letras poderíase converter nunha barreira no directo, xa que o suposto "nivel medio" do que goza este país está moi lonxe da realidade. Axudarían a salvar este "obstáculo" breves presentacións dos temas.
  • Que da súa música en directo, por ser íntima e personal, trascenda unha errónea idea de "elitismo" e pareza quedar reservada para o disfrute dos seus tres membros. A aportación de David neste campo é vital, porque a complicidade co público é necesaria. De feito a min este grupazo gañoume completamente no seu concerto acústico ao pé da Praia de Lagos. E aquí me teñen aínda, entregado á súa causa.
E para que se vexa que non vendo fume, aquí tedes o seu traballo:

No hay comentarios: