17 mayo 2013

A enfermidade do creador / Follas Vellas (1)


Onte falei por teléfono con Abi. Reconfórtame conversar con ela. Xuntos soñamos durante horas (case sempre son horas) proxectos teatrais con monicreques de dedos ou con frascos de pastillas, bañeiras e secadores de pelo. Tamén soemos deixar tempo de ensoñación aos duetos, á crítica e á análise da propia forma musical.

Todo é tan intensamente terapéutico que finalmente se produce o efecto rebote. Esa necesidade que sempre me empurrou a garabatear nun papel ou a fedellar cunha cámara, sacia o seu apetito co placebo das palabras faladas, e adormece así entre as imaxes das paisaxes oníricas que entre os dous creamos.

Sinto que debo loitar, unha vez máis, contra a insistencia do tempo de me transformar nun Ideólogo. Un ser centrado en parir ideas e non levar a termo ningunha delas. Sobre todo porque xa sei como remata o conto.

Nas fases terminais da enfermidade, o Ideólogo dexenera nun estadío de Xestador Tántrico. As ideas (aínda uterinas) serán de cada vez máis ténues, ou tan luminosas como fugaces (que para o caso incluso é peor). Enquistaránse moi fondo, amoreándose sen orde, devorándose unhas a outras. Un banquete aberrante ao que soamente asistirei como mordomo, presente no momento de abrir a comporta e ofrecerlles unha nova vítima. Aí vos vai! Un sacrificio no que, finalmente, nin tan sequera terei ningún tipo de voluntariedade.

Hoxe, celebrando o Día das Letras Galegas, e para que non morra pasto doutras ideas, comparto unha que xestei hai unha chea de anos. Moi importante para mín no seu momento. Despois de ler a Beckett, decidín crear o meu propio Fin de partida. Era este:

No hay comentarios: