15 octubre 2011

Compromiso cego

Gústame moito a miña profesión. Calquera que traballe comigo nótao ao momento.

John Ford co parche posto
Cando tomei a senda da edición, fíxeno con certa responsabilidade, porque xa iba cumprindo os meus anos e tocaba comprometerse. Dende entón intento nutrirme dos traballos doutra xente; a de aquí e a de máis aló do gran charco; e do pouco (bo) que se escribiu ao respecto. Intento mellorar. E gozo certamente co proceso.

O último proxecto no que participei foi unha proba realmente dura. Foi unha delicia traballar con aquela xentiña, pero non é doado dar sentido a moito material sen guión previo. Penso que foi a primeira vez que me sobrepasou o traballo... en dez anos! Un uppercut con crochet sobre o meu ego que por sorte non me afundiu. Todo o contrario, axudoume a reinventar o meu xeito de traballar e a reafirmarme máis no método que estaba a seguir (se cadra).

Despois dunha semana tirando moitísimas horas diante da liña de tempos, un xoves deixei de ver dun ollo.  E pilloume diante da mesa de edición. Así que estiven media hora cos ollos pechados, nun intento por relaxar a vista. Cando vin o suficiente (malia ser borroso) para coller o coche, volvín a Cerceda. Eu non lle quixen dar moita importancia, pero ao chegar a casa tanto María coma Cru, encargáronse de tirarme das orellas para que fose ao médico. Pero eu (inconsciente que é un) esperei a acabar o proxecto.

Situación superada... pero con consecuencias.

Onte houben de ir a urxencias porque sego vendo puntiños negros nese ollo. Tiveches un desprendemento de retina que está cicatrizando, dixo a oculista. Non me botaron bronca por ir tan tarde, botáronme bronca por non ir aquel mesmo xoves, ao momento. Seica non quedei cego dese ollo porque teño unha flor pegada no cú de nacemento. Unha vez máis, e van unhas cantas, tiven a sorte de aprender dun erro sen consecuencias dramáticas.

Hai situacións que nos fan ver a vida doutro xeito. Un pouco irónico, pero certo.

Agora sei que comprometerse cun proxecto non significa ir máis aló dos límites dun; significa cumplir co acordado e asegurarse de que vas a poder seguir facendoo ao día seguinte.