30 julio 2011

Unha galega na Lúa

En momentos nos que retratar a vida é falar de crise, sempre é de agradecer que aparezan figuras como a de Patricia Moon. Unha viguesa que, co seu traballo, pon ao mal tempo boa música e refresca os aires dun país que non sabe moi ben como se erguer e botar a andar.

Hai algo máis dun ano participou nun curioso experimento que consistía nunha voluntaria reclusión nunha burbulla creativa, na Porta de Alcalá, para argallar unha composición musical en sete días.


Becada pola Universidade de Berkeley, saca adiante un disco no que dela son as letras, voz e instrumentos que se escoitan. Case nada. Longa vida artística para esta cantante, violinista e pianisa que xa colaborou en directo con Siniestro Total ou Los Piratas.

21 julio 2011

Esa hora do día que tanto me gusta

Por unhas razóns ou outras, pasados dous meses da súa preestrea en Bueu, volvín a ver Aurora.

Non sei. Agora que xa non teño ese medo do que dirán (porque todo o que se dixo foi máis ou menos bon) son quen de percibir con máis claridade todo o positivo que hai nela.

Lonxe de ver un traballo perfecto, son quen de intuir boas intencións detrás das moitas debilidades e, ao fin, penso que iso fai máis grande a nosa pequena curta.

Aurora serviu de ponte cara un traballo máis personal e profundo e conectoume con xente coa que comparto paixón e inquedanzas. Achegoume un pouco máis a Juan e Patrís (aos que xa tiña moito cariño) e tamén a outros amigos e familiares que viron as súas vidas retratadas (dun xeito ou outro) ao longo dos nosos quince minutos de imaxes en movemento.

Con sinceridade? Volvín a ver Aurora e cada vez gústame máis. Ese poso que deixa con cada novo visionado é un valor que non teñen moitas pezas. Aínda menos, claro, as propias. Sobre todo para alguén tan (auto)crítico e perfeccionista coma min.

Ogallá non se perda o bo gusto...

__________
P.S. Graciñas Abi por emocionarme coa túa voz durante a gravación, durante a edición e en cada visionado...