30 abril 2011

Sábato despois da fin

Ás portas dos cen anos, outro grande faise eterno. Agradecido pola calurosa humanidade que compartiu en cada un dos seus textos.
Portada de "Antes del fin" un dos meus libros favoritos de memorias

29 abril 2011

Pre-estrea de Aurora

Día: 7 de maio de 2011
Lugar: Centro Social do Mar (Bueu)
Hora: 20.00h


A sorte de Aurora está botada.

23 abril 2011

Cuestións (12) / Trampolín

A primeiros de mes proxectouse Exitus na I Mostra de Curtametraxes Galegas da Fundación Rodríguez Iglesias. Foi alí, durante o coloquio posterior, onde volveu a aparecer a recorrente idea de que as curtas non son outra cousa que un trampolín para chegar a facer unha longametraxe. E quedou patente xa que logo, o propio coloquio, centrouse no lamentable estado do cine dentro do audiovisual galego (cando a cousa debería versar sobre os avatares de levar a bo porto unha historia curta). Quede constancia de que o debate estivo ben. Despois de todo a un cinéfilo sempre lle apetece falar de cine.

É o caso que hai historias que piden ás voces ser contadas de xeito condensado. Vin no cine ultimamente máis dunha película mediocre que, de durar media hora, sería unha peza realmente redonda. Se cadra tratábase dunha curtametraxe no seu nacemento e decidiron estirala ate que apareceron todas esas estrías no guión.

Eu creo na curta como formato independente e, mailo respecto que lle teño a tódolos que ven na curta unha rampa de inclinación variable ou unha mera bobina/curriculum, penso que esta posición miña vai gañando en consistencia co tempo. Non en van, autores mundialmente recoñecidos polas súas longametraxes (Erice, Angelopoulos, Scorsese -por poñer tres-) seguen a facerlle as beiras ás producións curtas, sexan estas curtametraxes ou series. Tamén me dan a razón as últimas producións documentais de Marcos Nine, ou as dúas últimas curtas que lle montei a Alber Ponte (por poñer exemplos da terra). Ás veces o breve fai bo o dito sendo dúas veces bon.

Porque, é menos teatro un entremés de Cervantes que Unha rosa é unha rosa de Suso de Toro?; ten máis peso artístico Las Meninas de Velázquez ou as reflexións iróincas dunha tira cómica de Mafalda?

06 abril 2011

Novo enderezo

Buscando o blog de Maruxa Martínez decateime de que todo é máis doado se o enderezo do blog limítase ao nome e apelido do seu dono. Dito e feito.