31 diciembre 2011

Obituario de asuntos pasados

Ampliar para ver as miñas estrelas frikis
Este foi o ano no que Aurora se levantou e andivo; da chegada de Sexyboy (mátasme con eses ollos! vamos queimar Vigo xuntos meu!!!); o ano da familia emigrada en terras alleas; da calma chicha en Cerceda; dos cambios nos máis cativos da casa; dos proxectos que se farán o vindeiro ano; dos amigos conservados e os novos atopados; das crises existenciais varias; do desprendimento parcial de retina; da Terbutalina; Klaus & Kinski; El Árbol de la Vida; Juego de Tronos; American Horror Story; e esa tenda tan chusquiña de comics en Santiago de Compostela.

O vindeiro ano é unha páxina en branco e preciso da vosa axuda para escribir unha boa historia! Boa entrada no 2012!!!

10 diciembre 2011

Próxima Apertura / Me llamo Rama

Os problemas oculares persisten. Ando bastante mellor pero perdín vista e agora, de preto, teño visión dobre. Por iso ando desaparecido no blog. Tendo en conta o meu traballo, compréndese que intente coidarme, ou?

Hei volver, iso seguro. Polo momento podo adiantar que estarei este luns na presentación que se fará en Ames de "Me llamo Rama", outra curtametraxe de Alber Ponte na que colaborei como montador. Ten un reparto de luxo e unha historia que te mantén entretido os trinta minutos que dura. Aquí vos deixo o trailer (coa posibilidade de velo en HD):


ME LLAMO RAMA, outra curtametraxe de Alber Ponte (TRAILER)


15 octubre 2011

Compromiso cego

Gústame moito a miña profesión. Calquera que traballe comigo nótao ao momento.

John Ford co parche posto
Cando tomei a senda da edición, fíxeno con certa responsabilidade, porque xa iba cumprindo os meus anos e tocaba comprometerse. Dende entón intento nutrirme dos traballos doutra xente; a de aquí e a de máis aló do gran charco; e do pouco (bo) que se escribiu ao respecto. Intento mellorar. E gozo certamente co proceso.

O último proxecto no que participei foi unha proba realmente dura. Foi unha delicia traballar con aquela xentiña, pero non é doado dar sentido a moito material sen guión previo. Penso que foi a primeira vez que me sobrepasou o traballo... en dez anos! Un uppercut con crochet sobre o meu ego que por sorte non me afundiu. Todo o contrario, axudoume a reinventar o meu xeito de traballar e a reafirmarme máis no método que estaba a seguir (se cadra).

Despois dunha semana tirando moitísimas horas diante da liña de tempos, un xoves deixei de ver dun ollo.  E pilloume diante da mesa de edición. Así que estiven media hora cos ollos pechados, nun intento por relaxar a vista. Cando vin o suficiente (malia ser borroso) para coller o coche, volvín a Cerceda. Eu non lle quixen dar moita importancia, pero ao chegar a casa tanto María coma Cru, encargáronse de tirarme das orellas para que fose ao médico. Pero eu (inconsciente que é un) esperei a acabar o proxecto.

Situación superada... pero con consecuencias.

Onte houben de ir a urxencias porque sego vendo puntiños negros nese ollo. Tiveches un desprendemento de retina que está cicatrizando, dixo a oculista. Non me botaron bronca por ir tan tarde, botáronme bronca por non ir aquel mesmo xoves, ao momento. Seica non quedei cego dese ollo porque teño unha flor pegada no cú de nacemento. Unha vez máis, e van unhas cantas, tiven a sorte de aprender dun erro sen consecuencias dramáticas.

Hai situacións que nos fan ver a vida doutro xeito. Un pouco irónico, pero certo.

Agora sei que comprometerse cun proxecto non significa ir máis aló dos límites dun; significa cumplir co acordado e asegurarse de que vas a poder seguir facendoo ao día seguinte.

30 septiembre 2011

Fe de Erros (11) / Tralas Luces

Títulos como Tralas luces, son un gancho directo na queixada daqueles pailáns travestidos de eruditos que insisten en atopar todo o bo alén das nosas fronteiras.

Préme sobre a imaxe para visitar a páxina oficial da película
Un documental sensible e atmosférico con personalidade propia. Para ver e reflexionar. Moi recomendable.

27 septiembre 2011

Solución ao gadget SEGUIDORES

Cando o Blogger engadiu un gadget para os habituais dun blog (gadget de "Seguidores"), pareceume un aporte interesante. Se non o incluín inmediatamente no meu recuncho foi porque simplemente non se me cargaba na páxina.

Comprobei nestes meses que o gadget cárgase nalgúns blogs mais noutros non. Despois de falar onte pola noite con Crunia e Deb (e vendo os seus respectivos blogs) semella que a cousa confírmase. Cheguei á conclusión de que ten que ver coa compatibilidade do patrón que empregamos ao crear o noso sitio.

Así que  seguín argallando e penso que din coa solución ao problema. En troques de engadir o gadget "Seguidores" o que hai que facer é  conseguir o código fonte e engadilo como un gadget de "HTML/Javascript" dos de sempre. Doado e efectivo. 

O PROCESO PASO A PASO (Se o fixen eu, ti tamén podes)
  • Ingresar no Blogger co teu usuario e contrasinal.
  • Ir a www.google.com/friendconnect/
  • Para os que tedes máis dun blog: Elixir o blog no que queremos engadir o gadget (número 1)
  • Premer en "Añadir el gadget de miembros" (número 2
  • Na páxina que se abre, personalizar o teu gadget (números 3, 4 e 5)
  • Premer en "Generar código" (número 6) e copiar o contido.
  • Entrar no teu Blog, ir a "Diseño", engadir o gadget "HTML/Javascript" (número 7) e pegar dentro o código fonte que ves de copiar.
  • Gardar e... listo!

PODES AMPLIAR AS IMAXES DE AXUDA PREMENDO SOBRE ELAS

19 septiembre 2011

Escapismo

Cámara de Tortura China de Houdini

Estes figuras sacaron unha nova mellora de visualización (?) para o Blogger, pero a posibilidade de configuralo en galego segue a resultarlles un complexo xogo de escapismo de Harry Houdini. A ver se temos sorte e nun dos espectáculos afogan na piscina idiomática, amarrados ás cadeas da súa indiferencia. Xa o botei... Arreóh!

14 septiembre 2011

Fe de Erros (10) / A cascala

Os que verten a súa verborrea estéril sobre a humanidade; os que envexan o que ti tes porque non se atreven a perseguir o seu propio soño; os que odian xenerosamente e sen necesitar demasiados motivos; os que por prometer prometen e non cumplen porque lles tira dun pé mentres poidan seguir sacando tallada; os que se pensan eternos porque gozan de piscina na súa praia privada... Eles, seres despreciables, abofé teñen algunhas cousas en común con nós. E non o digo eu: "Vamos a ir poniéndonos todos en fila india porque vamos a cascarla."

Mamá Ladilla - Absolutamente nada (do álbume Jamón Beibe)

29 agosto 2011

Cousas perdidas polo planeta adiante

Gústanme os sitios que axudan a mirar dentro do cotiá e valorar os matices que normalmente pasan desapercibidos.

Ao día seguinte de ler o "más graffiti" publicado en El Planeta Perdido, din con este recuncho. Curiosamente levaba máis dun mes pasando por diante. Dúas veces ao día, cinco días á semana para sermos exactos: camiño de Santiago e de volta a Cerceda.

Hoxe, un par de semanas despois, tiven un momento de acougo e decidín deter o coche para tirarlle unha foto. Case sen dacatarme, demorei un bo rato diante do mural, coa porta do coche aberta e algún dos temas do Tierra trágalos de Klaus & Kinski sonando de fondo. Foi o momento especial do día e un bo comezo para unha semana que se adiviña esgotadora.

11 agosto 2011

Desexos (7) / 11 de Agosto

Brindo con aqueles familiares, amigos e descoñecidos que consigan atopar un pretexto para que o 11 de Agosto non sexa un día máis no calendario.

DE MÚSICA LIGERA - SODA STÉREO


Emprego este tema porque un 11 de agosto, hai 52 anos, naceu o gran Gustavo Cerati. Músico e produtor arxentino, voz e parte indispensable de Soda Stéreo.

Pese a seguir na coma pasado un ano do seu accidente cerebrovascular, seguimos desexando que un día abra os ollos e transforme toda esa oscuridade que agora o rodea en novas historias musicais. Mentres, escoitaremos unha e outra vez a súa música lixeira (nada máis queda).

04 agosto 2011

Fe de erros (9)

Hai xente que pensa que escribo neste blog ou fago curtas movido por algún tipo de paixón. Ben pensado sería bonito, porque tinguiría de certo romanticismo todo o feito e iso animaría ao lector ou espectador a desculpar as miñas torpezas.

Nada máis lonxe. O que primeiro turra por min é a necesidade. A cousa esa de mostrarme como son, coa esperanza de que alguén se apiade e diga: Macou éche así, un rariño, pero tampouco é tan mal tipo despois de todo. Porque ser ovella negra está ben (non renego delo), máis de cando en vez un precisa ser simplemente ovella. Non sei se me explico.

Na última noite, falando con Crunia na praia, din en pensar que será desas historias xa escritas que xamáis verán a luz. Invertín tanto tempo deixando nelas pistas sobre quén é un! E total para nada, porque acabarán no lixo ou cun formateado rápido.

Imaxino todo o que non farei, o que non chegarei a ser, e sinto vertixe. Cantaba Silvio Rodríguez: " (...) Para pretender, el mundo es largo. Para conformarse, se ha inventado el jamás."

Nestas últimas noites, qué demo, disipo "a necesidade" afundindo as miñas patas negras na area e vendo como outros chegan a onde eu non alcanzarei. Ti enténdesme.

30 julio 2011

Unha galega na Lúa

En momentos nos que retratar a vida é falar de crise, sempre é de agradecer que aparezan figuras como a de Patricia Moon. Unha viguesa que, co seu traballo, pon ao mal tempo boa música e refresca os aires dun país que non sabe moi ben como se erguer e botar a andar.

Hai algo máis dun ano participou nun curioso experimento que consistía nunha voluntaria reclusión nunha burbulla creativa, na Porta de Alcalá, para argallar unha composición musical en sete días.


Becada pola Universidade de Berkeley, saca adiante un disco no que dela son as letras, voz e instrumentos que se escoitan. Case nada. Longa vida artística para esta cantante, violinista e pianisa que xa colaborou en directo con Siniestro Total ou Los Piratas.

21 julio 2011

Esa hora do día que tanto me gusta

Por unhas razóns ou outras, pasados dous meses da súa preestrea en Bueu, volvín a ver Aurora.

Non sei. Agora que xa non teño ese medo do que dirán (porque todo o que se dixo foi máis ou menos bon) son quen de percibir con máis claridade todo o positivo que hai nela.

Lonxe de ver un traballo perfecto, son quen de intuir boas intencións detrás das moitas debilidades e, ao fin, penso que iso fai máis grande a nosa pequena curta.

Aurora serviu de ponte cara un traballo máis personal e profundo e conectoume con xente coa que comparto paixón e inquedanzas. Achegoume un pouco máis a Juan e Patrís (aos que xa tiña moito cariño) e tamén a outros amigos e familiares que viron as súas vidas retratadas (dun xeito ou outro) ao longo dos nosos quince minutos de imaxes en movemento.

Con sinceridade? Volvín a ver Aurora e cada vez gústame máis. Ese poso que deixa con cada novo visionado é un valor que non teñen moitas pezas. Aínda menos, claro, as propias. Sobre todo para alguén tan (auto)crítico e perfeccionista coma min.

Ogallá non se perda o bo gusto...

__________
P.S. Graciñas Abi por emocionarme coa túa voz durante a gravación, durante a edición e en cada visionado...

03 junio 2011

Durmir coa Gadaña na cabeza

Déitome coa Morte e levántome máis vivo.

Nas últimas semanas compaxino a busca de certames aos que enviar a nosa Aurora, coa escritura compartida do primeiro borrador de "A Hora da Gadaña".

Este proxecto curtametraxe parte dun interesantísimo relato curto de J.J.M. Veiga co mesmo título (La Hora de la Guadaña), e confirma que os encargos tamén poden chegar a posuirte ate facerte seu.

Polo momento traballar man a man co propio escritor (e amigo) está a ser unha experiencia estimulante, nova, enriquecedora. Sobre todo porque Juan móstrase aberto ás posibilidades que a súa propia historia posúe (máis aló do valor innegable das letras).

Pasiño a pasiño, soño con que fagamos realidade a temible Hora da Gadaña.

Para coñecer un pouco máis o Planeta Veiga: http://tlantia.elplanetaperdido.com/

19 mayo 2011

O Monstro das Pelouchas

O Monstro das Pelouchas aparece á hora do baño, nas bañeiras dos nenos que usan calcetíns.

Se un neno nunca viu ao Monstro das Pelouchas, as razóns poden ser:
A) Porque o neno non ten bañeira.
B) E/ou o neno non ten calcetíns.
C) E/ou porque ao neno non lle deixan ser un neno.

Dedicámoslle esta micrometraxe aos nenos aos que nunca visitará...

O MONSTRO DAS PELOUCHAS

Subtítulos opcionais en GALEGO e ESPAÑOL.
Debuxo orixinal do Monstro das Pelouchas: Aldara Buceta.

30 abril 2011

Sábato despois da fin

Ás portas dos cen anos, outro grande faise eterno. Agradecido pola calurosa humanidade que compartiu en cada un dos seus textos.
Portada de "Antes del fin" un dos meus libros favoritos de memorias

29 abril 2011

Pre-estrea de Aurora

Día: 7 de maio de 2011
Lugar: Centro Social do Mar (Bueu)
Hora: 20.00h


A sorte de Aurora está botada.

23 abril 2011

Cuestións (12) / Trampolín

A primeiros de mes proxectouse Exitus na I Mostra de Curtametraxes Galegas da Fundación Rodríguez Iglesias. Foi alí, durante o coloquio posterior, onde volveu a aparecer a recorrente idea de que as curtas non son outra cousa que un trampolín para chegar a facer unha longametraxe. E quedou patente xa que logo, o propio coloquio, centrouse no lamentable estado do cine dentro do audiovisual galego (cando a cousa debería versar sobre os avatares de levar a bo porto unha historia curta). Quede constancia de que o debate estivo ben. Despois de todo a un cinéfilo sempre lle apetece falar de cine.

É o caso que hai historias que piden ás voces ser contadas de xeito condensado. Vin no cine ultimamente máis dunha película mediocre que, de durar media hora, sería unha peza realmente redonda. Se cadra tratábase dunha curtametraxe no seu nacemento e decidiron estirala ate que apareceron todas esas estrías no guión.

Eu creo na curta como formato independente e, mailo respecto que lle teño a tódolos que ven na curta unha rampa de inclinación variable ou unha mera bobina/curriculum, penso que esta posición miña vai gañando en consistencia co tempo. Non en van, autores mundialmente recoñecidos polas súas longametraxes (Erice, Angelopoulos, Scorsese -por poñer tres-) seguen a facerlle as beiras ás producións curtas, sexan estas curtametraxes ou series. Tamén me dan a razón as últimas producións documentais de Marcos Nine, ou as dúas últimas curtas que lle montei a Alber Ponte (por poñer exemplos da terra). Ás veces o breve fai bo o dito sendo dúas veces bon.

Porque, é menos teatro un entremés de Cervantes que Unha rosa é unha rosa de Suso de Toro?; ten máis peso artístico Las Meninas de Velázquez ou as reflexións iróincas dunha tira cómica de Mafalda?

06 abril 2011

Novo enderezo

Buscando o blog de Maruxa Martínez decateime de que todo é máis doado se o enderezo do blog limítase ao nome e apelido do seu dono. Dito e feito.

31 marzo 2011

Exitus e o hipocampo

Dentro do apartado Relatos do Hipocampo, vese incluída Exitus, na I Mostra de Curtametraxes Galegas (Fundación Rodríguez Iglesias), en Coruña. Sorpréndeme unha vez máis (despois do de Ferrol) que alguén conte coa nosa curta. Se digo a verdade, sempre me pareceu a menos accesible de todas.

O vindeiro martes, 5 de Abril, ás 20.00h proxectaranse xunto a Exitus outros catro traballos (algúns célebres como Coruña Imposible). E ao final haberá un pequeno coloquio sobre o apoio institucional (ou a falta del) ás curtametraxes. Aínda non teño moi claro que poida aportar demasiado, pero participarei. Sen fuxir voluntariamente do politicamente incorrecto, direi que non creo moito ou case nada no sistema actual de subvencións e, antes de que ninguén teña a tentación de chamarme hipócrita, apuntillarei que sempre autofinanciei os nosos traballos. Iso si, sangrando a moita xente. Eternamente agradecido a tódolos artistas e técnicos que puxeron e porán á disposición de un o seu tempo.

Podedes descargarvos o programa desta I Mostra de Curtametraxes Galegas (que por certo durará varios días): PREMENDO AQUÍ.

23 marzo 2011

O amencer nas nosas mans

Onte quedei con Martin en Coruña. Por fin temos todo o material de Aurora á nosa disposición. Foi un proceso longo de máis, duro de máis. Estou certo de que isto non pode ser así cada vez. Entre outras moitas cousas porque teño colaborado noutras producións e isto ás veces non é así. En fin, agora hai que aprender dos erros e sacar o DVD. Hai que ensinala. Espero facelo en poucas semanas.

O gracioso de todo isto é que non debín padecer tanto se necesito meterme noutra curta. Díxenllo a Martin: Teño que degustar o proceso de novo e quitarme este sabor a fresa áceda.

Destes dous anos de proceso intermitente haiche moitas lecturas positivas que sacar, pero sobre todo gústame pensar que serviu de escusa para non perder contacto co propio Martin. Obligármonos (doce obriga) a ir ao cine de cando en vez; escoitar as súas teimas, sempre estimulantes; asistir ao concerto dos Mamá Ladilla; as conversas sobre isto e o outro, antes de coller o coche; unhas risas en Shakespeare para ignorantes de Mofa e Befa; tirarlle das orellas para que medre dun raio dunha vez e poña todo ese talento a disposición dunha produtora...

15 marzo 2011

Caídos

En tódalas guerras, tamén na que nos mete de cabeza nunha curtametraxe, van caendo pezas (moitas delas vitais) como danos colaterais do propio proceso.

Durante a gravación de Aurora, un dos momentos máis dolorosos foi aceptar que tiñamos que aparcar esta secuencia, unha das preferidas da miña irmá (tamén das miñas), por mor dun nefasto erro de planificación.

"Pico" non chegaría a darlle vida ao noso entrañable Gaspar. Nin que dicir ten que ao tempo que defraudamos a un grande como Xosé Manuel Olveira "Pico", defraudámonos a nós mesmos, quedando como verdadeiros afeccionados xogando a un xogo que nos viña grande.

Síntoo por "Pico", por Aurora, por min mesmo e tamén polo verdadeiro Gaspar. Por iso, agora que a curta xa ten pé e medio no chan, vexo importante compartir este fragmento* da historia que non veremos en imaxes:

___________________

* Respéctanse neste fragmento os idiomas utilizados no orixinal.

02 febrero 2011

Partituras de Coro

Veño de encontrar un fío onde se comparten gratuitamente unha gran cantidade de partituras. Moitas delas para coro (tamén para guitarra ou acompañamento ó piano). Todas organizadas por tipo e título.

As partituras foron creadas co programa ENCORE (dispoñible para PC e MAC). Se o conseguides (ou xa tedes), poderedes abrilas e incluso reproducilas para escoitar un midi de referencia. Tamén poderedes gardalas como .pdf para imprimilas posteriormente ou o que sexa.

Espero que vos sexa útil:
http://elsitiocoral.wordpress.com/

01 febrero 2011

Macou contra o zombie

Moi ben Macou (excelente-fetén), dous anos para facer este croquis de gardería:

Retoque final dun dos planos da zombificada curtametraxe Aurora

Algo máis de 730 días para facer un par de borrados de sonidista e micro en plano fixo; máscaras de torso, brazo, cabeza, plumas, nariz e boca; e un desenfoque gaussiano no fondo que vai cambiar o amigo Martin por un desenfoque "guaissiano" que simula ao de cámara. Hai ou non hai talento en Galiza? Cagho na vida... Hai que ir morrendo.

Aurora, coming soon (soon? hahahaha).