08 marzo 2010

Maldito fanático apaixonado

Hai uns días vin o documental sobre Pablo G. del Amo, montador de xoias como La Caza, El espíritu de la colmena, El Sur, Tasio ou El viaje a ninguna parte. Dicía o bo do home nunha conferencia: "no concibo esta profesión, permítaseme la cursilería, sin amor".

Sei que esta frase é aplicable a calquera actividade, dende un fontaneiro a un funcionario da Facenda. Pero coido que na nosa profesión esa expresión adquire un significado especialmente dramático.


Nas nosas mans (nunca mellor dito) está, en parte, conservar a vida que as imaxes traen da rodaxe. E engadirlle, na medida do posible, aqueles matices que agochaba o guión (por iso é tan importante lembrar as sensacións extraídas da súa primeira lectura). Podemos lograr que unha secuencia sexa memorable engadindo unha mirada, un silencio, ou suprimindo unha liña de texto (sempre co beneplácito do director -claro-); ou podemos dinamitar unha gran secuencia ao non atopar o ritmo axeitado. A clave: o amor ao traballo e non ter medo de xogar e gozar co propio xogo.

Pero ese amor ao cine penso que non sempre é comprendido. Ás veces, nas conversas cos amigos, noto que perciben esa paixón como un posicionamento radical. Empeza a ser costume escoitar como me chaman fanático. Eles dirán que cando o rio sona, auga leva. Eu farei ben en preocuparme se un día o rio seca.