21 enero 2010

Fe de Erros (8)

Ano novo, proxectos vellos.

Os escaladores saben moi ben que para acadar unha meta é preciso avanzar e volver sobre o andado. Pódese dicir que soben varias veces a montaña antes de ver o mundo dende o cumio.

Pois iso, Como se fixo Cafés de Papel:

07 enero 2010

De profetas e aparellos de pesca

Ninguén é profeta na súa terra. Veño remoendo niso dende mediados do Nadal. Pódese dicir que arrastro esta teima dende o ano pasado (valla 0 chiste sen gracia). O 16 de Decembro, Fecimo* presentou da man do seu presidente José Bangueses, unha edición de "O Bichero" que recolle algunhas das tiras cómicas de Luis Davila.

Ninguén é profeta na súa terra e case compréndese: os mais vellos non poden esquecer que Luis é ese cativo que aprendeu a dar os primeiros pasos esfolando os xeonllos polas rúas do seu pobo; os compañeiros de pupite recoñecen a Davila naquel rapaz que caricaturizaba a profesores e compañeiros; e os que non o coñecen simplemente pensan que dun pobo como Bueu, que ten máis vogais que consonantes, cousa boa non pode saír.

Ninguén é profeta na súa terra. E por iso tivo que ser Bangueses (alguén máis achegado ás cálidas augas termais de Ourense que ás xélidas augas salgadas do Morrazo) quen vira en Davila a un artista que aprendeu a andar entre a súa xente e a observar o mundo dende fóra (cun sorriso -para maior gravidade-); alguén que soubo tirar partido desa afección súa de darlle ao lapis para convertila nunha profesión.

Por iso, e a pesares de ser da familia, a pesares de que ninguén é profeta na súa terra, é o seu dar á noraboa a Pepe pola iniciativa, e tamén (claro) a Fecimo por deixarse liar e a Luis Davila pola súa xenerosidade. Ogallá saquen máis edicións do seu traballo. Bastante irónico é xa que unha Federación de Comerciantes sexa a que, con moito criterio, dera o primeiro paso.

_________
* Fecimo - Federación de Comerciantes e Industrias do Morrazo.