08 octubre 2009

Animalario

Hai un par de semanas fun ao cine con Martin, único ser humano no mundo (a día de hoxe*) coa capacidade de sacarme da quietude de Cerceda para gozar da carnicería de Malditos Bastardos. A cousa é que nun deses parlamentos ególatras nos que tanto se gosta Tarantino, un dos protagonistas pregúntase por qué nos dan noxo as ratas e non así os esquíos, que son practicamente iguais (agás pola cola).

E niso o bo de Quentin leva razón, porque hai animais socialmente ben (e mal) vistos dependendo da cultura á que pertenzas. Porque, falemos claro: quen de vós quixera ser porco, cascuda ou lesma? Mais, ai, que boíñas son as formigas que traballan a reo, que bonitiñas facendo as súas ringleiras, sorteando obstáculos, portando dez veces o seu propio peso. Que feitiñas e como se organizan.

Sexa como sexa, son consciente de que o proxecto de deseño que vos quería recomendar nesta entrada, non tería posiblemente o mesmo tirón se chega a chamarse o porco amarelo, a cascuda vermella, ou a lesma multicolor.


Hai un ano, a xente de La hormiga azul empezou a crer nas súas inquedanzas e a publicar pequenos traballos reunidos nun fanzine. Se cadra víronse identificados coas formigas porque xuntos tiran máis partido de si mesmos como individuos; ou porque agochan no máis profundo, onde normalmente o ollo non chega, un universo único e abraiante (quen sabe!).

Deixo unha ligazón permanente por se queredes colaborar con eles ou, simplemente, visitalos de cando en vez para comprobar que a comunidade segue viva, aló no formigueiro. Eles, cada tres meses, compartirán a súa arte con todos nós sen prexuizos polo feito de sermos porcos, ratas, esquíos, cascudas ou lesmas.

_____________
* Admítense invitacións.

2 comentarios:

Lucy D dijo...

Muchas gracias por tu apoyo Manuel! Un beso enorme aunque sea de parte de unas hormigas...jeje

Manuel Macou dijo...

Cando vexo o voso fanzine danme ganas de retoma-la fotografía e facer "fotocreación". Iso é bo.

Mil bicos para ti e a seguir co proxecto ;) Necesitamos creador@s independentes sen medo a contar.