30 octubre 2009

Use Your Illusion

Este mes que entra cumprirase outro soño. Agardo paciente a que se materialice. Se puiden co paso dos anos sinto que podo co paso dos días. Non estou ansioso, mais si ilusionado.

A ilusión é a única capaz de abater esas ideas nas que un se ve moi, moi pequeno. Ideas que teorizan con non poder acadar o teu soño se naceches nun pobo; que maliciosamente insinúan que un non é ninguén e que polo tanto nada se pode facer; que xogan a compararse con outros que chegaron antes á mesma meta.


Este mes que entra inicio a montaxe dunha longametraxe. Gracias* ao tempo que decidiu agasallarme cunha nova alegría; á familia que me concedeu a posibilidade de escoller un camiño diferente ao que eles mesmos vían como "o camiño bo e seguro"; aos amigos que sendo poucos fan tanto ruido e dan tanto e tanto cariño; aos que visitan este recuncho e aos que nos citan nos seus propios, porque eles manteñen prendida a única chama que necesita un home para tocar o seu soño: a ilusión.

Acabei de escribir e permanezo en silencio durante un breve instante. Releo e agardo. Paciente. Non estou ansioso, mais si ilusionado.
____________
* Polo momento négome a escribir "grazas" polo falso que me sona.

13 octubre 2009

Nena da praia

Na ponte do Pilar visitamos Asturias (concretamente Luarca). Tanto a costa como os pobos de montaña (no interior) son verdadeiro arte natural. Aló xestouse esta micrometraxe feita coa cámara de fotos.

NENA DA PRAIA



Tedes a disposición os subtítulos para a versión en español.

08 octubre 2009

Animalario

Hai un par de semanas fun ao cine con Martin, único ser humano no mundo (a día de hoxe*) coa capacidade de sacarme da quietude de Cerceda para gozar da carnicería de Malditos Bastardos. A cousa é que nun deses parlamentos ególatras nos que tanto se gosta Tarantino, un dos protagonistas pregúntase por qué nos dan noxo as ratas e non así os esquíos, que son practicamente iguais (agás pola cola).

E niso o bo de Quentin leva razón, porque hai animais socialmente ben (e mal) vistos dependendo da cultura á que pertenzas. Porque, falemos claro: quen de vós quixera ser porco, cascuda ou lesma? Mais, ai, que boíñas son as formigas que traballan a reo, que bonitiñas facendo as súas ringleiras, sorteando obstáculos, portando dez veces o seu propio peso. Que feitiñas e como se organizan.

Sexa como sexa, son consciente de que o proxecto de deseño que vos quería recomendar nesta entrada, non tería posiblemente o mesmo tirón se chega a chamarse o porco amarelo, a cascuda vermella, ou a lesma multicolor.


Hai un ano, a xente de La hormiga azul empezou a crer nas súas inquedanzas e a publicar pequenos traballos reunidos nun fanzine. Se cadra víronse identificados coas formigas porque xuntos tiran máis partido de si mesmos como individuos; ou porque agochan no máis profundo, onde normalmente o ollo non chega, un universo único e abraiante (quen sabe!).

Deixo unha ligazón permanente por se queredes colaborar con eles ou, simplemente, visitalos de cando en vez para comprobar que a comunidade segue viva, aló no formigueiro. Eles, cada tres meses, compartirán a súa arte con todos nós sen prexuizos polo feito de sermos porcos, ratas, esquíos, cascudas ou lesmas.

_____________
* Admítense invitacións.