18 septiembre 2009

Tragando area

Teño a necesidade de saír deste dique seco.

Hai meses que debo re-dixitalizar Aurora e non lle atopo o momento. Unhas veces é a vida mesma e outras a desidia as culpables de que a día de hoxe o proxecto se atope no mesmo semáforo en vermello que estaba onte.

E a situación tenche as súas consecuencias. As máis inmediatas son a ansiedade e o bloqueo. Síntome incapaz de escribir nada novo mentres Aurora non cobre vida definitivamente. É unha sensación como de estar retendo a respiración a moitos metros de profundidade, baixo o mar, cando hai xa varios segundos que non aguanto máis. Teño a certeza de estar defraudando aos que se deixaron a pel na rodaxe e son demasiado frecuentes as noites nas que me acompañan os soños repetitivos de guións patéticos xa descartados.

Co cambio de vivenda deixei atrás unha cidade que me activaba con cada pintada, con cada conversa anónima, deixei atrás ecos de coches e a inercia de escribir para contalo. Perdón.