29 marzo 2009

A vergoña De la Iglesia

O pasado xoves 26, asistiu ao programa de Buenafuente o director Alex de la Iglesia. Non me gustaría converter este blog nun espazo de crítica televisiva (estou certo de que existen mil). Pero durante a entrevista sucedeu algo que me incomodou bastante e necesito compartilo.


Os previos: De la Iglesia asistiu ao latenight show de La Sexta para falar do seu libro (en realidade unha reedición dun antigo libro que non vexo necesario promocionar dende este noso recuncho). Nun momento da entrevista, Buenafuente propuxo ao seu convidado un proxecto un tanto esperpéntico que incluía: realización de curtamentraxe en 3 semanas, con guión máis ou menos xerado alí mesmo no plató e totalmente producido polo conductor do programa.

A reacción: O director de películas prescindibles como a última estrenada "Os crimes de Oxford" mostrouse fondamente ofendido. Pero non pola falta de seriedade da proposta, senón porque en palabras súas (lea o seguinte con desdén): "Yo no hago cortos, Buenafuente". Cousa que repetiu bastantes veces. Finalmente accedeu a facelo sempre e cando se lle chamara "peza audiovisual alternativa" e non curtametraxe.

Libre asociación de ideas: A) Resonaron na miña mente aquelas protestas de hai un ano, cando estivemos a piques de ver como se retiraban as curtametraxes da entrega dos premios da Academia (por falta de interese televisivo -manda carallo-). B) Tamén viñeron a min imaxes de políticos indignados pedindo que se lle chamase "doutro xeito" ao matrimonio entre homosexuais (a min resúltame máis urxente cambiar unha das definicións de "galego" que, para os de Costa Rica, segue a significar "tonto"). C) Decepcióname comprobar que se avergoña das curtas alguén que gracias a "Mirindas asesinas" chegou a realizar "Acción mutante" ou "O Día da Besta" (posiblemente os seus filmes máis interesantes).

O suposto: Como xa dixen algunha outra vez, intentar desprestixiar ás curtametraxes (máis por parte quen escribiu e dirixiu curtas) é tan absurdo coma un hipotético caso no que Suso de Toro renegase de "Caixón desastre", Roald Dahl de "Relatos do inesperado", ou o mesmo Cervantes da cantidade de relatos curtos que escribiu, despois de ter publicado "Non volvas", "As bruxas" ou "O Quixote" (respetivamente).

__________________
Nota: Tódalas obras literarias aquí mencionadas son altamente recomendables

09 marzo 2009

Autorretretetour á galega

Foto guarra (como o son dos Mamá Ladilla) sacada por Martin DeSoto

O pasado venres e (seguramente) mentres Rodrigo Guerrero durmía a noite antes da gravación da Banda Sonora de Aurora, eu rompía os meus case catro anos de voluntario confinamento (omitindo varias fugas ao cine que non contan) para ir de concerto. Os Mamá Ladilla, dentro do seu Autorretretetour, pasaron por Coruña. Bendita ocasión para acabar cunha promesa de clausura, por estúpida que esta sexa.


Moita culpa ten o señor DeSoto que me chamou, se cadra movido polo mesmo sentimento que fixo que eu aceptase: a nostalxia. Atrás quedaron aqueles días laborais no Polígamo de Pocomaco baixo a amenaza dun centenar de bombonas de butano a piques de estourar, o son coral de varias radiais e o monográfico musical a cargo dos Ladilla na cabina de montaxe (tan só interferido por algunha banda sonora de Morricone, Zimmer e algunha que outra conversa cinéfila).

A dúas ou tres xeneracións conseguiron facer saltar os Mamá Ladilla durante unhas horas. Foi un bo concerto, como lle dixen á saída a Martin, pese a (ou gacias a) o nefasto son da Sala Mardigras. Poida que se botase en falta algún tema como Acoso sexual e tamén a uns Mamá Ladilla un pouco máis irreverentes, pero se cadra é certo que os anos non pasan en balde.

Resumindo, que parezo galego: pagou a pena pecar.