19 febrero 2009

Melodía para un silencio

Case non podo crer que 120 días (semella unha condena) nos separen da publicación da foto de equipo de Aurora. Está claro que a postprodución manexa outros tempos. Empecei a decatarme do paso dos días cando, a semana pasada, o meu padriño me tirou das ourellas pedindo información da curta. Despois virían as queixas de Martin e algunha outra anónima.

A idea de compartir a evolución de Aurora adiviñábase mais atractiva (para o que le) durante a fase de preprodución. A propia incertidume da realización da curta é (cruelmente) atraínte en si mesma.

A rodaxe posiblemente daría tamén moito de que falar, pero teño certa prudencia (respecto) á hora de xulgar o acontecido neses días porque, por unha banda, todo vai vertixinosamente rápido e pola outra, o que dirixe é o que menos se entera do que en realidade está a pasar. En canto a min, podo dicir que polas noites preguntábame quen carallo me mandaba meterme nestes líos (gracias María por prestarme as túas orellas), mentres polo día loitaba inutilmente por aparentar tranquilo e manter na miña cabeza unha idea suficientemente clara de Aurora, sen deixarme arroiar pola falta de tempo e as tensións propias dunha fin de semana de traballo duro. Nese sentido agradezo profundamente a axuda e comprensión de todo o equipo. Aprendín tanto desta rodaxe...

Durante a fase de montaxe (que ocupou os últimos meses) martiricei a varias persoas co visionado de Aurora. E digo martiricei, porque non hai crueldade maior que mostrar a alguén un producto sen acabar e cheo de desaxustes. Privalo dese primeiro (e tan importante) visionado. Pido desculpas, claro, pero é un proceso necesario. Agradezo cada un dos comentarios/críticas ao igual que o agradecerán aqueles que cheguen a ver Aurora cando sexa un algo completo e, agardemos, un algo redondo.

O traballo do fondo sonoro de Aurora (ademáis do que Plof está realizando pola súa conta) iniciou coa gravación duns ensaios de clarinete con Elena (con acompañamento no violín de Ana). Esa fin de semana improvisamos en Cangas unha sala insonorizada con dúas mantas e unha escaleira. Lembroume ao que Pablo e Juan Fixeron para a terceira das nosas curtas: Nai que non fuches. O resultado foi mellor entón, pero pasámolo de medo e liamos a toda a familia para face-lo ganso. Foi realmente divertido.

A incorporación de Rodrigo Guerrero (compositor) hai un par de semanas, supón para mín e para Aurora (por descontado) una apertura. Rodrigo devolveume ao punto de partida e, gracias á súa música, volvín a visitar cunha mirada máis cargada de sentido (de sentimento) cada un dos espazos que tantas veces percorrín durante a montaxe. O seu traballo xoga coa melodía (tamén coa súa ausencia) de xeito que agora, esos silencios que xa estaban en Aurora pasaron a formar parte tamén da Banda Sonora. Máxico. Así é o traballo de Rodrigo.

Teño tantas ganas/medo de amosar a Aurora... Xa quedou máis.

_______

Foto1: Rodaxe de Aurora (coche de Fe) / Foto2: Gravación do off para Nai que non fuches (Luis Iglesia)

No hay comentarios: