05 enero 2009

Changeling e os poderes do tempo

Atribúense ao tempo algunhas propiedades, digamos máxicas. Estou a pensar en "O tempo cura tódalas feridas" ou en "O tempo pon a cada un no seu lugar". A historia de Clint Eastwood é sen dúbida unha desas loitas contra o reloxo.

Durante unha gran parte da súa carreira, Eastwood foi incomprendido ou directamente infravalorado. Eu penso que esta inercia negativa débese á sinxeleza coa que actúa e dirixe (se un non é Baz Luhrmann ou Darren Aronofsky -que tamén me gustan- semella que un non fai bo cine). Ten o seu aquel ver como se cotizan agora películas como “Il buono, il brutto, il cattivo” ou incluso “Dirty Harry ”, no seu momento tratados como filmes menores.

Agradécese cando o tempo fai o esforzo de acabar logo o traballo. Porque non hai premio máis baleiro que o recoñecemento póstumo. De nada serve ao que xa non está e de case nada ao que queda.

Clint Eastwood non deixou de medrar. Mentres outros grandes perden forza (dá mágoa ver en que se está a converter o cine do bo de Woody Allen), Eastwood camiña con paso decidido gracias* a un cine feito en maiúsculas e con humildade, con entidade propia.

Se cadra "Changeling" non é unha obra maxistral, pero está moi por enriba do nivel que chega normalmente ás salas comerciais. Encántame a utilización da música e a efectividade coa que desconxestiona a historia. Clint Eastwood é un mago dos sentimentos, quen o dubida! A única pega que lle atopo ao filme pode ser a interpretación irregular de Angelina Jolie (e poida que dalgún dos cativos -pero tería que vela en V.O.-).

Por certo, que xa estou pendente da estrea de Gran Torino. Outra de Eastwood? Non ma perdo.


----------
* "gracias" por "grazas" é a miña particular cruzada contra os cambios absurdos da lingua (acabarei claudicando?) O esquío penso que me entende.