15 noviembre 2008

Rebobine, por favor (ou como suecar unha película)

Xa non lembro a última vez que fixen unha crítica de cine, pero non é menos certo que tamén hai tempo xa que non atopo unha película que xustifique o esforzo de facelo.

Vou facer unha excepción con “Rebobine, por favor (Be Kind Rewind)” de Michel Gondry porque, se ben non é a súa mellor película (se cadra é a máis frouxa delas), penso que dentro dunha historia máis ou menos fresca, atopámonos coa esencia de todo o seu cine e o xeito que ten Gondry de aborda-lo proceso de creación dunha película. Todo sexa dito, que unha película frouxa de Gondry non adoita ser unha película frouxa en absoluto.

Vexas na dirección que vexas (publicidade, videoclips, cine) todo o traballo de Gondry vése rodeado de elementos manufacturados. Dalgún xeito atopo en Michel Gondry a un director que se resiste a abandona-los xoguetes cos que ideou a súa historia.

Incluso en películas como “Esquécete de min” (totalmente recomendada) ateigada de efectos dixitais, atopámonos con situacións nas que argallou o xeito de resolvelas física e mecánicamente, coa utilización da iluminación, maquetas, etc. Todo isto faise máis evidente en obras como “A ciencia do sono” (tamén recomendada). E pese a que nos obriga a convivir cun híbrido, a medio camiño entre un conto de títeres e o cine clásico, consegue integrar todos estos elementos estraños (ou así mo parece a min) até convertilos, ante os nosos propios ollos, nun interesante exercicio de estilo.

Por iso gustei tanto de “Rebobine por favor”, porque nos amosa con claridade o seu xeito de traballar e aléntanos para que sexámos partícipes dese ritual.

Teño que dicir que ao remata-la película de Gondry, entráronme unhas irremediables gañas de suecar algunha outra película. E a miña sorpresa foi atopar en YouTube infinidade de películas suecadas, algunhas delas dignas de ser vistas (“sweded movies”).

Aproveito este último párrafo para: 1) lembrar con certa nostalxia aqueles tempos nos que eu mesmo montaba en cólera ao me atopar cun VHS do videoclube sen rebobinar e 2) recomendar tamén a páxina web oficial da película:

http://www.bekindmovie.com/

No hay comentarios: