25 agosto 2008

Fe de Erros (4)

O xeito en que a sociedade asume os cambios que se van producindo ao ser arredor ás veces está máis próximo á sabedoría do que o están algunhas disertacións de especialistas na materia. Iso pasa, na miña opinión, coa lingua na nosa terra.

Eu amo os nosos idiomas, porque me achegan aos meus semellantes (incluso aos que non están ou aos que non chegei a coñecer porque finaron moito antes de que meus propios pais nacesen) e porque estou convencido de que o mundo é máis rico coa sua existencia.

Pero a imposición é contraproducente e as trabas á súa utilización (con tanto continuo cambio) un grave erro. A solución non é doada, admítoo, mais hai dous días, paseando por Coruña cerca do Millenium, atopei un berro feito pintada ao que me adscribo:


A evolución natural non debería ser provocada, non?

15 agosto 2008

Cuestións (6)

Esta semana cumplín anos e o feito de supera-la treintena reviviume algunhas cuestións que me veñen acompañando dende que decidín participar nesta olimpíada kafkiana chamada audiovisual:

Serve de algo facer curtametraxes?  Que trascendencia ten isto do audiovisual ou do cine? Para alguén máis que para min mesmo é rendible invertir tanto tempo e esforzo en preparar un proxecto ao que (con toda seguridade) non terá acceso case ninguén? Pregúntome se paga a pena dedicarse a contar historias e, finalmente, se é realmente necesario.

Prefiro non pensar que ao final facer cine soamente é terapia para o que decide contar algo a través da imaxe en movemento e o son; un xeito de afastar (ou invocar) pantasmas; de intentar deixar neste mundo unha pegada que se borrará inevitablemente coa seguinte  marea. E digo que prefiro non pensar nisto porque esta teima sitúame nun escenario pouco desexable, tendo en conta que durante unha gran parte da miña vida loitei por estar no camiño no que agora me atopo.

Desexo que Aurora atravese con decisión a cuarta parede e exerza un efecto terapéutico tamén sobre o que a vexa. Soamente entón pensarei que veño de facer algo de proveito, non por min ou polos demáis, senón polo propio tempo (que ao fin é o verdadeiro agasallo nesta vida).

09 agosto 2008

Eucalipto e sons doutros tempos

Aurora segue traéndonos alegrías. E a pesares de que agora os esforzos están divididos, seguimos avanzando.

A semana pasada María (Productora Executiva) conseguiu poñerse en contacto con Amancio Prada (primeiro a través da súa representante e despois en persona) e por fin podemos confirmar que na banda sonora teremos esa preciosa canción da que vos falabamos en maio.

Dende un primeiro momento Aurora aparecéuseme como unha aventura íntima que debía ser compartida. Por iso cando Abi e Roberto deron con "Amiga, namorado vou" ao momento souben que era a canción perfecta para a nosa historia.

Por que Amancio Prada? Permitídeme que, como bo galego, dea un pequeno rodeo para contarvo-los motivos:

Sendo cativo eran frecuentes as miñas afeccións pulmonares. Para combatilas, tódolos días, ao saír do colexio, agardábanos aparcado (á miña irmá e a min) o Citröen Dian-6 cor crema (o que puidemos chorar cando meu pai decidiu cambialo!) para levarnos ata Hermelo ou Liboreiro. Naqueles paseos, aprendimos a escalar, a ama-la natureza (valores tan desafasados hoxe en día) e un par de nomes de setas. Algo de culpa ten meu pai en todo iso.

Pero eses paseos non sempre eran efectivos e por iso non era extraño pasar algúns días encamado. Miña nai fervía entón auga nunha perola e botaba nela as follas de eucalipto recollidas polo camiño; despois deixaba a infusión baixo a mesiña e para facerme compaña achegábame a cesta coa calceta (coa que facía bufandas sobre todo) e tamén un magnetofón con cassettes.

Cantas veces teño escoitado aquelas cintas! Dende Bob Seger aos chistes de Arévalo, pasando por El Puma. Pero as miñas preferidas, as que máis veces puña, eran aquelas que me achegaban os nosos sons: Milladoiro, Fuxan os Ventos... e Amancio Prada. Por iso é tan importante para a min que sexa él (e non outro) o que complete musicalmente a nosa historia.

Se Aurora chega a vós cos sons que rodean aos meus recordos será gracias ao bo facer de María e, como non, a Amancio Prada. E para el vai dedicada esta entrada. Gracias amigo por permitírmonos empregar todo sentimento que transmite o teu cantar en favor do noso proxecto.