30 julio 2008

Fe de Erros (3)

O amigo Ortiga fixo na entrada A, B) e C) un comentario sobre a música que me gusta escoitar que me fixo lembra-la necesidade de anunciarvos unha cousa: Sabedes que fago un par de horas de radio en #golfyradio (do IRC-Hispano). Pois ben, debido a que en A Casa da Luz traballo de noites, tiven que me coller unhas vacacións anticipadas ate Setembro-Outubro. Xa vos avisarei cando volva a emitir.

24 julio 2008

A), B) e C)

"A vida é moi puta" (parafraseando a Suso de Toro -ao que por certo dedicarei unha entrada algún día- en Ambulancia). Pois iso, a vida é moi puta, pero ás veces como sabe gañarnos con certas sorpresas!

Se hai uns días defendía A Casa da Luz na entrada que Amelie lle dedicaba no seu blog, hoxe, cunha xogada maestra por parte do destino, entro a formar parte da familia da Luz como Axudante de Montaxe.

Isto quere dicir varias cousas: A) que as casualidades existen, B) que estou moi contento e C) que Aurora, a nosa vindeira curtametraxe, vai ter que se xestar unhas cantas semanas máis.

Luz e cine para todos.

22 julio 2008

Cuestións (5)

Hoxe gustaríame compartir con vós unha curtametraxe de animación. Vendo traballos coma este, un decátase do baile de marionetas que son as guerras en realidade. E que os motivos reais de tanta autodestrución adoitan pasar desapercibidos aos nosos desinformados (ou malinformados) sentidos.

Espero que vos guste e que vos faga reflexionar. A min reviviume unha cuestión dolorosamente actual: vale o sabor do petróleo o sangue dun home?

FALLEN ART

16 julio 2008

Un día coma hoxe

A historia reservou acontecementos incribles para un día coma hoxe: Un 16 de xullo de 1789 derrubaron a Bastilla, que deixara de ser unha fortaleza defensiva para se converter nunha prisión que encerraba, nas mesmas cantidades, reos e medidas crueis para eles. 156 anos máis tarde, en 1945 e dentro do Proxecto Manhattan, a Proba Trinity dá paso á que se coñecería como Era Atómica.

Nacen un día coma hoxe figuras da cultura e as artes coma: Barbara Stanwick - actriz estadounidense (1907); Reinaldo Arenas - poeta cubano (1943); Rubén Blades - artista panameño (1948); Miguel Indurain - ciclista español (1964); Laura Espido Freire - escritora española (1974); ou Jesse Jane - actriz porno estadounidense (1980).

E quedan para o noso recordo personaxes coma: Herbert Von Karajan - director de orquestra austríaco (1989); ou Celia Cruz - artista cubana (2003).

E un día coma hoxe nace unha peza fundamental na miña vida: ti.

FELICIDADES ABI

13 julio 2008

Todo final é un punto de partida

O xoves pasado acabei coa primeira versión definitiva do guión. Faime gracia esa expresión: Primeira versión definitiva. É coma se dese por sentado que polo momento váleme o escrito, pero que acabaremos por engadir variacións (por empregar un termo musical -xa o entenderedes-). E así será con toda seguridade.

Esta mañá achegueime ao Rexistro de Propiedade Intelectual. Levei todo o camiño o guión baixo o brazo, pero non me puiden resistir a abrilo e reler algunha das pasaxes coas que non estaba totalmente conforme. Dominando as gañas de volver a casa e reescribilas, cubrín os impresos de xeito case inconsciente e soamente cando me devolveron o resgardo sentín o que debe sentir un pai que leva ao seu fillo á escola por primeira vez. Gustará a historia? Atoparemos financiación? Dirá ela que si? Que ganas teño de poder falarvos de... ela.

Esta é, sen dúbida, a curta que máis me custou escribir. Isto débese seguramente a que tamén é a primeira comedia á que me enfronto. Dentro dun xénero que recoñezo non é o meu, penso que acadei algo importante: atopei un estilo que si me é propio. Espero con impaciencia as reaccións da xente, claro.

Agora mesmo as vibracións son boas, pero atrás quedan longas semanas de loita contra o bloqueo. E máis semanas que quedan por diante de loita na pre-produción. Seguiremos informando.

11 julio 2008

Ensaios fotográficos (por Roberto Chico)

Celébrase ate o 27 de xullo o festival PhotoEspaña 2008. Este ano dedícanlle unha atención especial a W. Eugene Smith.

Na súa reflexión sobor da dictadura franquista, elixiu Deleitosa, un pequeno pobo de Cáceres de pouco máis de 2000 habitantes. Desta estancia xurdiu a reportaxe "Spanish Village, 1950" publicada na revista Life. Nela apreciamo-las secuelas da Guerra Civil, e todo o que supuxo esa época de fascismo, terror, represión, miseria e fame.

Nestas fotos pódese aprecia-lo seu xeito de traballar. Non tiña moito que ver coa inmediatez das nosas cámaras dixitais. Eugene Smith facía unha análise, investigaba e amosaba a súa opinión sobre o tema que viña de escoller.


Sempre que abro un vello álbume de fotografías penso en toda esa xente que non coñezo e tamén no valor que teñen ao lembrarnos como eran as cousas hai non tanto tempo. Cantos novos descubrimentos poden estar agochados aínda nas vellas caixas estragadas pola humidade. Coméntovos 3 instantáneas coa miña vella polaroid...

  • polaroid#1:: Aínda non hai moitos anos que Ben Tarver herdou da súa tía 3 caixas de negativos que Robert Capa tomou durante a Guerra Civil española, sen que ata entón ninguén lle prestase moita atención.
  • polaroid#2:: fállame a memoria... pero lembro un documental no que un profesor universitario recuperaba unha vella colección de fotografías aparecidas nun faiado e que constituían o vello arquivo dun fotógrafo semiprofesional, que nos anos 50-60 retrataba a vida dos pobos deas serras dunha provincia española. Ademáis de recupera-las vellas instantáneas, completáronas coa laboura antropolóxica de coñecer a aqueles que aparecían nas fotografías, como era a súa vida, que fixeron dela... aproveitando que algún dos seus protagonistas aínda podía lembrar.
  • polaroid#3:: para rematar, o fotógrafo Virxilio Vieitez, que durante toda a súa vida estivo a retratar á xente de Terra de Montes e que ate 1998 non se recoñeceu o valor tanto estético coma documental da súa obra.