06 junio 2008

O pesadelo de Barton Fink

Barton Fink fronte á muller da praia

Agobio, agobio. Agora mesmo entendo perfectamente a Barton Fink (Joel Coen, 1991). Claro que polo menos el xa escribira e dirixira para Broadway unha exitosa obra de teatro. Pero aí está. O bloqueo. Bloqueo. Bloqueo.

Barton Fink soñaba cunha muller fronte ao mar, na praia. Eu soñei hoxe, por terceira vez, cun pirata que entra nun barco que non é o seu. Ao pasar pola cuberta, unha rede cáelle enriba, aplástao. O cheiro fétido dos peixes en descomposición que hai atrapados nela provócanlle náuseas. Entón alguén ergue un extremo da malla e aparece unha man. É a miña man. Pero eu son tamén o pirata e, ao liberarme, obrígome a engulir un deses pútridos peixes.

Soño ademáis que teño un incrible final para a miña historia. Algo fóra do normal! A excitación invádeme: O pirata devorador de cadáveres mariños afástase no barco rumbo ao horizonte. Estou feliz. Satisfeito. Entón desperto.

Non son un pirata atrapado nunha rede, pero aínda non teño un final que non sexa tristemente típico como o do pesadelo.

No hay comentarios: