15 octubre 2007

Cuestións (3)


esta é a posguerra dos Estados Unidos

Tra-lo amparo do principio esencial de seguridade, os Estados Unidos ofrecen os seus non sempre desinteresados servizos ao resto do mundo.

Agasallan diariamente a outros países con seguridade, a costa da cuestionable eficacia dos seus ataques preventivos e convirten a paz en falacia, co desproporcionado volume de cartos que anualmente destinan á construcción e invención de novos xeitos de morte e tortura. Todo isto obviando, loxicamente, as cantidades que se embolsan coa venda de armamento obsoleto a países dos que despois (paradoxicamente) asegurarán, deben protexernos.

Unha loita sen cuartel que o máximo representante estadounidense non se priva de calificar como “unha búsqueda da paz mundial”. Todo un xesto de xenerosidade e honestidade co resto desfavorecido do planeta.

A cuestión está clara: Antes de esgotar a lista de inimigos a inventar, manterán a dignidade e honestidade da que agora tanto se fachendean e protexerannos do verdadero perigo? A súa propia ambición.

14 octubre 2007

Desexos (5)

O desexo insatisfeito de atopar traballo por parte dunha desafortunada maioría, xenera na xente xove un desalento que soamente é comparable coa impotencia, consecuencia da explotación laboral á que se ve sometida o resto da minoría afortunada.

10 octubre 2007

Entre os 50 e os 60 anda o listado

Cinéfilos, sempre ao voso servizo. En resposta á petición feita por olgabarbie, comprácenos o feito de presentarvos a nosa particular colleita de clásicos e comedias románticas dos anos 50 e 60... Se falta algunha non dubides en facérnolo saber!

Teño que aclarar, denantes de comenzar, que tódolos comentarios verquidos neste artigo son persoais e polo tanto subxectivos. É responsabilidade miña que diga que “Sede de Mal” está por enriba de “O Home Kane” (por poñer un exemplo)... Ah! E non seguín orde cronolóxica algunha (salta á vista). Este é o listado:

Algo así de quente (de Billy Wilder, 1959) - Moito me temo que non será a única película de Wilder neste listado de xoias que deberías ver. E é que ninguén coma el para sacar ouro de situacións absurdas e esmendrellantes.

A Costela de Adán (de George Cukor, 1949) - Sería inxusto non incluíla por un triste ano. Unha gran película cunha reflexión sobre a dominancia de sexos que aínda hoxe ten un arrecendo de frescura. E cunha das miñas parellas favoritas e con máis morbo (na vida real): Katherine Hepburn e Spencer Tracy.

A Raíña Africana (de John Huston, 1951) - Vaia, outra de Katherine Hepburn... Pois é casualidade, eh? (fiu fiu fiu) Xenial, divertida e cunha evolución de personaxes que derrite ao guionista máis pintado. Comedia. Romántica. Incisiva. Ñam!

¡Benvido, Mister Marshall! (de Luis García Berlanga, 1952) - Unha comedia con pouco romanticismo pero con humor para parar un tren (a toda unha comitiva americana -incluso-). Cine patrio do imprescindible (ao meu parecer).

Cantando baixo a choiva (de Stanley Donen e Gene Kelly, 1951) Do mellorciño en musicais. Realmente divertida e cunha parte de reflexión sobre o paso do cine mudo ao sonoro que personalmente me gusta moito. Se che tira esta película, poida que tamén o faga “Un día en New York” (mesma dirección, 1949).

Veña, máis musical, que imos a todo tren: Melodías de Broadway (de Vincente Minnelli, 1953). Na liña de “Cantando baixo a choiva” anque a min, personalmente, gústame máis a de Donen/Kelly. Moi divertida, en calquera caso.

As vacacións de Monsieur Hulot (de Jacques Tati, 1953) Se soes rir con Faemino e Cansado e gravas Humor Amarelo cando non o vas a poder ver... Esta película é a túa. Unha rareza, certo. Pero cun fermoso xeito de recoce-los gags. Unha comedia especial. O romanticismo polo ti.

Sunset Blvd. (Billy Wilder, 1950) Non é comedia romántica, é un clásico imprescindible. E ate aquí podo ler. Se ves os títulos de crédito e non quedas pegado á cadeira ate que remata o filme... a cena págoa eu, prometido.

O apartamento (de Billy Wilder, 1960) - Para min, a mellor película de Billy Wilder (xunto coa mencionada Sunset Blvd.) É unha comedia corrosiva e cun estraño sentido do romanticismo. Impresionantes as labazadas que leva a protagonista.

Todo sobre Eva (de Joseph L. Mankiewicz, 1950) - Unha película incrible. Pero incrible de verdade. Se pensas que “O sexto sentido” ten un bo final... senta e agárrate ben. Esta película é para aqueles aos que lles gustan os xiros de guión que non entran con calzador. Non é unha comedia, non é romántica, pero é despiadada e retrata o mundo do espectáculo dun xeito que estremece. Ah, e dirixe Mankiewicz. Aínda non a queres ver?

Fresas Salvaxes (de Ingmar Bergman, 1957) - Bendito o día en que Bergman decidiu abandona-lo armario no que adoitaba encerralo seu pai para poñerse a dirixir teatro... Un dos meus directores de culto cunha das súas películas máis fermosas e melancolicamente románticas. Un doce co que empezar a súa filmografía (demoledora). Non é comedia (É necesario aclarar isto cando estamos a falar de Bergman?).

Sendeiros de Gloria (de Stanley Kubrick, 1957) - Pediches clásicos e sen non meto unha película de Kubrick hoxe non durmo. Un filme antibélico cun Kirk Duglas inmenso (a ver se aprende o fillo) e unha posta en escena que mete medo (exteriores claustrofóbicos e grandes espacios pechados -aí é nada-). Unha xoia imprescindible e in-men-sa.

Sede de Mal (de Orson Welles, 1958) - Despois de todo Orson Welles non debe ser tan malo como din se conseguiu filmar esta película. (...) E despois destes breves momentos de sorna galega, soamente me queda dicir: dalle duro e goza dun thriller de luxo... e a súa mellor película (como dicía no encabezamento). Ah! e con Charlton Heston e Janet Leigh. Nada, que non a vexas... (perdón, xa deixaramo-la sorna)

E polo momento xa chega. Quedan moitas pero darían para unha segunda parte (incluso máis) deste artigo.

Para que vexas que non minto deixeime no tinteiro xoias como “A lei do silencio” (do delator -e nembargantes gran director- Elia Kazan, 1954), “Os Sete samurais” (de Akira Kurosawa, 1954), Vértigo (de Alfred Hitchcock, 1958), “Os 400 golpes” (de François Truffaut) (1959), “Orfeo Negro” (de Marcel Camus, 1959) ou “Morte dun ciclista” (de Juan Antonio Bardem, 1955)...

A ver se che resulta útil este listado. Se ves algunha que non tiñas visto e resulta que che gustou... non dubides en deixa-lo teu comentario.