08 septiembre 2007

Precísase tanto remake?

Tomemos como punto de partida o feito de que tódalas historias foron xa contadas no cine. Aínda nese hipotético caso, dun tempo a esta parte a multimillonaria industria de Hollywood está botando man, dun xeito de cada vez máis insistente e con menos pudor, de filmes xa realizados no seu momento cunha factura máis que meritoria.

Acabáronselle as boas ideas? É necesario tanto remake? Gustouche algún remake máis que o propio orixinal?

Os grandes estudios sempre copiaron (con máis ou menos descaro) aquelas historias (propias ou alleas) que funcionaban no mercado. Xa o dicía Billy Wilder: "(...) polo que respecta aos argumentos, penso que xa todo está inventado. Agora fanse remakes."

Dende Os Sete Magníficos, coñecido remake da maxistral Os Sete Samurais de Akira Kurosawa; a sorprendente versión de Carta dunha descoñecida, orixinalmente de Max Ophüls; ou o prescindible e excesivo King Kong de Peter Jackson.

Mais, todo quede dito, a historia dos remakes deixounos obras ben curiosas. E neste punto gustaríame falar do Psycho de Gus Van Sant, que fusila plano a plano a famosa película de Alfred Hitchcock (un dos directores máis solicitados por Hollywood á hora de facer versións das súas obras).

O traballo de Gus Van Sant lembroume un pouco ao relato de Jorge Luis Borjes no que Pierre Menard intenta redescubrir O Quixote para chegar á conclusión de que é unha obra que non se pode facer doutro xeito. Unha obra perfecta (coas súas imperfeccións) tal e como está. Cando vin a película enfadoume un pouco ese descaro co que aborda os planos de Hitchcock, pero ao tempo pensei: Gus Van Sant, eres tan ousado coma reflexivo!

Na actualidade Hollywood prepara sendos remakes con Nicole Kidman (Ao final do espectro) ou Tom Hanks (Fahrenheit 451). Veremos que desfeitas fan.