19 diciembre 2004

Desexos (4)


Atopei esta nota no corredor

Acompáñame esta sensación de baleiro dende que teño uso de razón. Onte pola noite, estiven a piques de dar coa solución ao problema. Foi durante unha das miñas fugaces viaxes oníricas. Soñei contigo. No meu soño susurrabas: “Dime de que presumes e direiche de que careces”. Se cadra, ter algo do que presumir ante ti, brindaríache a posibilidade de me dicir que é iso que dende hai tanto tempo me falta... Magoadamente, ao espertar, os máis doces soños tornan parvos. E é por iso que te chamei. Desexaba contarcho.

12 diciembre 2004

O Bico


Detalle da composición de Pablo San José

Eles namoraron nunha noite noite ateigada de estrelas (de mar). E foi el o primeiro en se atrever a garabuxar no silencio unha promesa. Decidiu (e díxollo compartindo os seus beizos entreabertos), que non a deixaría ate ter bicado todos e cada un dos seus recunchos. E aínda así, decidiu, tampouco a deixaría. Pasaron moitos anos tinguidos de violetas e café, de area. Un día ela amenceu con el, pero soa... E aloumiñándose as canas comprendeu que el viña de cumpli-la súa promesa (ao fin e ao cabo). Horas antes, apenas un intre despois de que o seu corazón esbozase un derradeiro latexo, el bicouna na memoria.

08 diciembre 2004

Cuestións (2)

Paseaba polo parque e entráronme unhas irremediables ganas de tirarme a vida (de a pouco) así que levando un pito á boca, achegeime a un hombre que xogaba co seu chisqueiro.

> Pode darme vostede lume, por favor?

O home, sen imutarse sequera, continuou facendo desaparece-la mecha baixo o seu furabolos. Por aquel entón a miña necesidade suicida a prazos medrara tanto que, case sen decatarme, atopeime implorando:

> Pode venderme una chamiña?

Detívose entón o home e fitoume.

> A ver, vostede que quere?

E é que antes do lume, está claro, inventouse o comercio.